O 13 de novembro de 2002 o barco Prestige navegaba con 77.000 toneladas de petróleo cru a 28 millas de Fisterra cando un temporal causou estragos no navío. 

Ao coñecer a situación as autoridades, tras evacuar aos seus tripulantes, trataron de afastalo da costa pero o buque partiu en dous, vertendo 63.000 toneladas da substancia ao mar. 

Muxía foi considerada a zona cero do desastre e a Costa da Morte, a gran prexudicada, foi a primeira en observar as consecuencias do suceso. 

A marea negra afectou a todo o litoral galego e portugués, o mar Cantábrico e ata algunhas zonas costeiras de Francia.

O día 20 de novembro de 2002 o coñecido chapapote chegou á nosa zona e a principios de decembro xa chegaban as primeiras persoas voluntarias ás nosas costas. Aos poucos días xurdiu o movemento cidadán Nunca Máis, que reclamaba responsabilidades e unha correcta xestión ante a situación.

Esta catástrofe provocou a perda de numerosas especies mariñas e puxo en perigo a un prolífico ecosistema con gran relevancia no Atlántico. 

A pesca, que era a principal actividade económica da zona, foi a máis castigada e vivíronse tempos de incerteza no sector.

Esta exposición ademáis de ser un elemento conmemorativo ten unha gran importancia na memoria histórica da Vila. A traxedia do Prestige foi unha das catástrofes medioambientais máis graves da historia do Estado. Como primeiro caso de desastre ecolóxico a nivel nacional serve de exemplo para a prevención de posibles problemas similares. Tras o afundimento do Prestige tomáronse medidas lexislativas que prohiben a navegación destes buques tan preto das costas, equiparando a normativa á de Francia.

Do mesmo xeito, aquí atopamos un gran exemplo de solidariedade que é importante recalcar. O avance na limpeza das zonas afectadas e a recuperación do entorno natural foi posible grazas a man de obra de numerosos colaboradores, que viaxaban ata Muxía sen ningún tipo de incentivo máis que o de axudar aos veciños e ao entorno. O sentimento de unión veciñal reflectía o coñecido lema “ Só o pobo salva ao pobo”. A carga principal desta recuperación recaeu en mans de individuos e entidades sen ánimo de lucro como Protección Civil que foi, entre outros colaboradores, o principal impulsor e responsable das labores de traballo e organizativas.

O Museo do Voluntariado é necesario para comprender a historia da vila muxiá, recoñecer e poñer en valor a superación do pobo galego ante unha adversidade deste calibre.