Inaugurado en decembro do 2007, xunto coa Praza do Voluntariado, no Coído, conta con dúas esculturas de Soledad Penalta chamadas “Mirando” e “Tardan”.
Soledad Penalta é escultora dende 1972 e traballa con cerámica, cerámica de alta temperatura, refractarios, fundición de bronce, fundición de ferro e ferro en pranchas soldadas así como escultura de gran formato para exteriores. As súas obras son un compromiso con temáticas de denuncia social e apoio a causas xustas.
O Museo do Voluntariado nace coa intención de agradecer ás miles de persoas voluntarias que se achegaron á nosa costa para traballar nas labores de limpeza tras a vertedura do petroleiro Prestige en Novembro de 2002. A súa finalidade é manter viva a imaxe da “Marea Branca” gañándolle a partida á “Negra”, ao mesmo tempo de lembrar a irmandade que durante tantos meses se viviu na nosa terra.
O museo foi recentemente reformado para mellorar a accesibilidade á galería fotográfica e a experiencia visual da mesma.
Está situado no segundo andar do Multiusos A Camposa e conta con ascensor.
As visitas realizaranse baixo petición e previa reserva chamando ao 981 74 20 01.

A mostra acolle diversos arquivos, tanto fotográficos como textuais que amosan as terribles consecuencias do desastre do Prestige e a onda de solidariedade que inundou Muxía de apoio e traballo.
Ata a vila desprazáronse centos de persoas voluntarias, tanto nacionais como estranxeiras, para colaborar nas tarefas de limpeza. Así mesmo, diversas organizacións doaron materiais e outros.
Contén:
- Utensilios empregados na limpeza como fundas, botas, luvas e espátulas entre outros.
- Libro de dedicatorias de voluntarios e cartas de apoio de veciños de outros lugares do país.
- Pequenas esculturas doadas ao concello de Muxía:
- Escultura en agradecemento ás atencións da cofradía da vila.
- Escultura en apoio por parte do concello de Benidorm.
- Escultura en apoio por parte do concello de Montornés del Vallés.
- Escultura con forma de pergamiño doado por Fuerteventura.
- Cadro doado polo presidente do goberno de Canarias.
- Escultura de Benacazón en apoio a Galicia.
- Escultura do concello de Palma del Río en Córdoba en apoio a Muxia.
- Escultura doada polo concello de Las Rozas de Madrid.
- Escultura doada polo concello de Montaraies del Dallés.
- Botella pintada polo deseñador Antonio Pernas.
- Escultura en forma de C, doada polo concello de Cerdanyola.
- Escultura con formas cúbicas de Llanes.
- Cadro-escultura Sigillum Reg. Universitat Compostellan.
- Escultura ao mérito físico-humanitario.
- Escultura de apoio do concello de Tona.
- Cadro en honra a Protección Civil como exemplo do compromiso e organización do voluntariado por parte do concello de Getafe.
- Cadro en recoñecemento de Cartaya.
- Cadro en recoñecemento de Malagon.
- Cadro en recoñecemento e recordo da colaboración co concello de Pontevedra.
- Cadro de colaboración co concello de Las Rozas en Madrid.
- Cadro de colaboración co concello de Alpedrete.